Thursday 25 de April de 2024

A Xunta pon en valor o programa dos concertos do Xacobeo na presentación da novena edición do Noia Harp Fest


 Trátase do único festival de arpa do noroeste peninsular e terá lugar entre o 3 e o 7 de agosto en distintas localizacións da vila de Noia

 Este acontecemento forma parte dos Concertos do Xacobeo, nos que desde o mes de maio xa participaron máis de 500.000 persoas

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, que hoxe participou na presentación do Noia Harp Fest, enxalzou este acontecemento musical como o máis importante do eido instrumental do Noroeste peninsular na súa categoría, e destacou a importancia do programa dos Concertos do Xacobeo, no que xa participaron máis de 500.000 persoas desde o pasado mes de maio.

Na súa intervención, Nava Castro tamén lembrou que o calendario dos Concertos do Xacobeo estenderase ao longo de sete meses con máis de 100 actividades e a participación de 350 artistas.

Neste sentido, a directora de Turismo de Galicia manifestou que este “é un programa aberto, que inclúe diversidade de estilos, conformado en festivais, ciclos de música e concertos”.

Segundo apuntou Nava Castro, un dos eixos de actuación do Xacobeo 2021-2022 é o de achegar a cultura a todos os galegos e visitantes e así, “propuxémonos distribuír os diferentes espectáculos entre o noso territorio, permitindo deste xeito que todos os lugares de Galicia puidesen participar deste acontecemento”.

Polo que respecta ao Noia Harp Fest, que se desenvolverá entre os días 3 e 7 de agosto, este festival presenta un cartel conformado por artistas internacionais chegados de lugares como Escocia, Senegal, Paraguai, Bretaña, Polonia e tamén contará con instrumentistas galegos.

Durante a presentación, a directora de Turismo de Galicia incidiu na orixinalidade deste festival, como mostra da gran variedade de espectáculos cos que Galicia está celebrando este Ano Xacobeo, gracias ao cal “arpistas de renome internacional como Savourna Stevenson, Steve Kettley, Hermanos Corbalán ou Kora Jazz Trío acompáñannos nesta celebración”.

O Noia Harp Fest, que forma parte dos Concertos do Xacobeo, celebrarase con entrada libre nas sedes habituais do festival, como son a Praza do Tapal ou a Igrexa de Santa María A Nova, mais tamén este ano sumarase o Teatro Coliseo Noela como un dos espazos referenciais.